Saturday 18 de May de 2024

Galicia rexistrou en 2015 un dos anos máis cálidos e secos da súa historia recente


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou hoxe na Coruña o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, onde fixo balance das condicións meteorolóxicas do último ano

O balance meteorolóxico de 2015 reflicte que foi un dos anos máis cálidos e secos da historia recente de Galicia. A súa temperatura media foi de 14,4 graos centígrados, un grao por encima da media climática, o que o converteu nun dos cinco anos máis cálidos das últimas tres décadas. Ademais, as precipitacións globais situáronse un 26% por debaixo dos valores normais.

Así o expuxo hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa visita ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, onde realizou un balance climático do ano que vén de rematar.

No que a temperatura se refire, concretou que dos doce meses, sete foron catalogados como cálidos (abril, maio, xuño, xullo, outubro, novembro e decembro), tres como normais (xaneiro, marzo e agosto) e dous como fríos (febreiro e setembro).

Para realizar esta clasificación, compárase a temperatura media de calquera mes coa media do mesmo mes dos anos 1971-2000. Se a temperatura do mes analizado é superior entre medio grao e tres graos, considérase como cálido. Se, polo contrario, está entre medio grao e tres por debaixo, é catalogado como frío. E, se está medio grao arriba ou abaixo, tratarase dun mes “normal”.

Mato abundou noutro punto: os meses fríos non o foron especialmente, pero os cálidos si acadaron niveis elevados. Catro deles (abril, xuño, novembro e decembro) superaron en máis de dous graos a temperatura media habitual e dous deles (abril e decembro) estiveron a piques de considerarse “moi cálidos”, isto é, máis de 3 graos por enriba da media.

No que se refire as precipitacións, a conselleira sinalou que 2015 foi “predominantemente seco”. A precipitación media foi de 982 litros por metro cadrado, unha situación que non se daba desde 2007.

Sete dos doce meses foron secos (febreiro, marzo, abril, maio, xullo, novembro e decembro). Isto quere dicir que as precipitacións foron entre un 10 e un 70% menos abundantes do habitual. O mes de xuño foi “moi seco”, con precipitacións un 70 por cento por debaixo dos valores habituais. Pola súa banda, setembro e xaneiro foron “normais”; mentres que agosto e outubro foron clasificados como húmidos, dado que rexistraron precipitacións entre un 10 e un 90% superiores á media.

Tomando como referencia as estacións, o 2015 comezou cun inverno seco e lixeiramente frío. A partir da primavera, especialmente do mes de abril, comezáronse a manifestar temperaturas máis altas do habitual, sendo a segunda primavera máis cálida desde 1997 e a máis seca dos últimos 25 anos. O verán foi tamén cálido e seco, aínda que cun comportamento pouco uniforme, xa que xuño foi o único mes “moi seco” e agosto foi o máis excepcionalmente húmido. Por último, o outono foi seco e cálido, principalmente debido ao mes de novembro, no que cidades como A Coruña ou Ourense bateron rexistros históricos de temperatura.

Anomalías no mes de decembro
O mes de decembro foi o que presentou máis anomalías, segundo explicou Mato. Coa chegada de masas de aire norteafricano, os termómetros chegaron a acadar os 20 graos centígrados. O valor medio foi de 13,6 graos, 2,7 graos por encima dos valores habituais, o que converteu a este mes no decembro máis cálido do período 1961-2015.

Tamén foron sorprendentes os valores medios das temperaturas mínimas nalgunhas zonas de Galicia. No litoral acadáronse valores próximos aos 14 graos. Ademais, en áreas como a Mariña lucense ou o este da provincia de Lugo, as temperaturas estiveron 4,5 graos por riba dos valores habituais nun mes de decembro.

En canto ás precipitacións, foron escasas, pero cunha gran diferenza entre a metade este e oeste da comunidade. Nas provincias de Pontevedra e no sur da Coruña foron practicamente normais, pero na metade este e norte da Coruña o ambiente foi “moi seco”. En xeral, o valor medio para o conxunto de Galicia foi un 54% inferior ao valor esperado, especialmente no litoral lucense e na comarca de Valdeorras, onde se rexistraron cifras un 90 por cento inferiores ao esperado.

Investimentos no Laboratorio
A conselleira fixo fincapé na relevancia de contar con datos fiables coma estes. A súa investigación e control, tal e como se realiza neste Laboratorio, “permiten comprender os patróns de comportamento dos fenómenos meteorolóxicos e realizar análises da calidade do aire ou das augas. En definitiva, axúdanos a coñecer o noso contorno, a anticiparnos a posibles circunstancias adversas e a conservar mellor o medio ambiente”.

Por iso, o departamento autonómico está a apostar “firmemente” pola consolidación e mellora destas instalacións, punteiras a nivel europeo e de referencia en Galicia. Proba disto, é que en 2015 investiu neste laboratorio máis de 2 millóns de euros para dotalo de equipamento e instrumentación analítica de última xeración. Ese compromiso reforzarse este ano cunha dotación de 3,5 millóns de euros para mellorar as instalacións: automatizaranse os procesos analíticos para mellorar a eficiencia sen diminuír a calidade e fiabilidade dos datos; adquirirase novo material; mellorarase a trazabilidade e fiabilidade dos resultados; e ampliaranse as instalacións para adaptalas ás necesidades dos procesos analíticos, evitando a contaminación cruzada de mostras.